Monday 20 de May de 2024

Concerto da Orquestra de Cámara Galega, este sábado na Fábrica


A Orquestra de Cámara Galega ofrecerá este sábado un concerto no centro cultural A Fábrica, en Perillo, ás 20:30 horas. O espectáculo será gratuíto con invitación, que poderá recollerse desde unha hora antes na propia sala.

Será un concerto ameno, dirixido a todos os públicos para atraer novas audiencias á música de cámara. Nesta ocasión a Orquestra de Cámara Galega interpretará un programa equilibrado no que incluirá composicións de autores galegos e repertorio de grandes compositores universais, co obxectivo de achegar a música clásica a través dunha selección de obras pensada para gozar.

Durante os 27 anos de traxectoria, a Orquestra de Cámara Galega leva o seu traballo artístico polas principais salas de música española e con presenza internacional en Nova York, Bos Aires, Xénova, Bruxelas, Viena, diversas cidades portuguesas e dos Países Baixos entre outras.

Dirixida por Rogelio Groba Otero, está integrada por músicas e músicos galegos formados en Galicia e en diversos conservatorios europeos.